MindoMúsica – Festival de Música de Cámara ofrece tres conciertos en su 2ª edición con aforo reducido y también por streaming durante el primer fin de semana de julio

O Concello de Mondoñedo colabora coa segunda edición do Festival de Música de Cámara MindoMúsica que patrocina a Consellería de Cultura e que comezou este luns 29 de xuño cos ensaios que se estenderán toda a semana ata concluír con tres concertos entre o venres 3 e o domingo 5 de xullo.

Este ano, atendendo ás actuais circunstancias derivadas da emerxencia sanitaria da covid-19, o festival adáptase para ofrecer tres mini-concertos dunha duración aproximada de 30 ou 40 minutos cada un a cargo dun grupo moi reducido: un cuarteto de corda.

O desenvolvemento deste festival respectará as medidas hixiénico-sanitarias recomendadas en relación á prevención do coronavirus. Así, o aforo será reducido e o público deberá asistir con mascarilla despois de retirar as invitacións que xa están dispoñibles na Oficina Municipal de Turismo de xeito gratuíto. As restantes estarán a disposición do público no mesmo lugar do concerto: o venres 3 de xullo no auditorio municipal “Pascual Veiga” e o domingo 5 na Catedral. En calquera caso, recoméndase acudir cun mínimo de 15 minutos de antelación.

Tralo éxito da primeira edición, dende a organización agardan “poder afianzar o proxecto con moito traballo e ilusión”. Este ano súmase como violín xunto á directora artística do Festival MindoMúsica, Rebeca Maseda, o músico italiano Enrico Filippo Maligno. Alberto Rodríguez – viola- e Iván Siso -violoncello- repiten experiencia neste festival despois de participar na primeira edición.

Concertos

O primeiro dos concertos será o venres 3 ás oito e media do serán cando está previsto que o cuarteto ofreza un concerto no Auditorio Municipal “Pascual Veiga” que contará con Beethoven como protagonista no seu 250 aniversario.

O sábado 4 o concerto “Música e Poesía” que se desenvolverá na Casa-Museo Álvaro Cunqueiro á mesma hora recolle no seu programa unha obra de Mendelssohn e outra de Eduard Toldrà, Vistes al mar, inspirada na poesía La Ginesta de Joan Maragall. Este concerto será a porta pechada; pero as persoas interesadas poderán seguilo a través de streaming.

A Catedral de Mondoñedo será o escenario do terceiro concerto que pechará esta edición do MindoMúsica que se desenvolverá tamén a partir das oito e media incluíndo no repertorio distintas obras de J. S. Bach.

Retransmisión por streaming

Todos os concertos serán retransmitidos por streaming a través da páxina de Facebook do Concello de Mondoñedo e da canle de Youtube de MindoMúsica. Neste caso, será posible grazas á colaboración da segunda edición tamén do proxecto tecnolóxico “Mondoñedo Valley” que nace en colaboración coa Universidade Rey Juan Carlos de Madrid e pretende visibilizar Mondoñedo nas redes sociais a través do uso das novas tecnoloxías.

                                                                                            a

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos y para fines de afiliación y para mostrarte publicidad relacionada con tus preferencias en base a un perfil elaborado a partir de tus hábitos de navegación. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Ver
Privacidad