Dende o OMI queremos partilhar as actividades que temos preparadas con motivo do 25N e
a loita fronte a violencia machista.
O Observatorio da Mariña pola Igualdade presentará este martes 24 o seu vídeo testemuñal
Elas Tamén Contan: voces de mulleres no rural, un traballo elaborado dentro da Campaña
de sensibilización sobre as violencias machistas no ámbito rural. Tras a visualización do
video haberá unha conversa/coloquio coas mulleres protagonistas. A presentación será ás
19.00 horas no Lugar das Marías , na Regueira (Xove). “A nosa intención con este traballo
é aumentar a concienciación social sobre a dimensión de tódalas violencias contra as
mulleres e reflexionar dun xeito colectivo sobre as vulnerabilidades específicas das mulleres
no rural”, comentan dende a directiva do OMI. A visualización deste traballo farase tamén
polo 25N ás 12.00 horas na Casa da Cultura de Trabada.
Así mesmo, dende a plataforma informan da presentación do libro Árbores que non arden,
unha obra do Proxecto Batefogo elaborada por varias autoras sobre o papel das mulleres na
prevención dos incendios forestais. A presentación contará coa presenza de Miguel Pardellas,
coordinador deste proxecto conxunto e terá lugar o xoves 26 de novembro ás 19.00 horas no
Casino de Mondoñedo. En caso de non poder asistir, poderase seguir en directo dende o
Facebook do OMI.
Para o venres 27, o Observatorio ten preparada a presentación de Madialeva, un relato
gráfico sobre a realidade da muller no rural feito por Ana María Fernández Moreiras. O acto
está programado para as 19.00 horas e será nas escolas vellas de Cervo e vía directo dende o
Facebook do OMI.
Indicamos tamén que, durante a celebración de tódolos actos, será necesario gardar as
pertinentes medidas de prevención hixénico-sanitarias fronte a COVID-19, mantendo o
debido distanciamento social e sendo obrigatorio o uso de máscara. Teremos os
pertinentes dispositivos de hixiene a disposición das asistentes.